Máis de 5.000 persoas asistiron en Ourense ao mitin que abre a precampaña electoral en España

 Ourense, 1 de febreiro de 2008.-  O presidente do Goberno e candidato do PSOE á reelección, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometeuse a que “a máxima prioridade” do seu Executivo en materia de alta velocidade ferroviaria na próxima lexislatura “chámase Galicia” porque cree que a esta comunidade “lle faltou inversión e formas democráticas á hora de gobernar” no pasado.
   No mitin de que abriu a precampaña en Ourense, ante máis de 5.000 persoas, Zapatero afirmou que se revalida o seu posto como presidente do Goberno, a comunidade galega vivirá “a maior transformación en infraestruturas desta terra” despois de que estes catro anos, dixo, puxeran “os piares da primeira etapa” ao destinar a Galicia o 8% do investimento estatal neste capítulo.
   Así mesmo, o presidente do Goberno tamén manifestou o seu “empeño na convivencia dos pobos” e avogou por potenciar “a identidade e vontade de autogoberno” das comunidades para conseguir “que os seus intereses conten” e que “todas as autonomías poidan expresarse con naturalidade” na lingua que decidan. Neste sentido, apostou por que o galego sexa recoñecido como “unha lingua que enriquece e convive” dentro dunha “España de convivencia, que busca o diálogo e non o choque”.
   Ademais, apostou por que, nos próximos catro anos, “cada comunidade autónoma siga progresando no seu autogoberno” e que iso sexa así “sen que ninguén enfronte a un territorio contra outro” e que “ninguén semente o medo”. “Iso é o que tiña que facer o PP e non a división de territorios”, aseverou. Na súa opinión, Galicia é “unha terra de futuro”, xa que “dá os mellores datos económicos, conta con empresas innovadoras e ten unha cidadanía que tomou nas súas mans o futuro”.
   En todo caso, solicitou aos asistentes que abarrotaban o Pavillón dos Remedios que ata o 9 de marzo se dediquen “a traballar e explicar” os principios cos que traballa o PSOE e os valores que ostenta para obter “unha maioría máis ampla” que a conseguida en 2004 para que continúe “un goberno que respecta e dialoga”.
   Na súa intervención, Zapatero destacou os dirixentes do seu partido que asistiron ao mitin e que son cabezas de lista por algunha das catro provincias galegas e, así, se referiu a José Blanco, número un da lista socialista por Lugo, como “o mellor secretario de Organización que tivo o PSOE na súa historia”; a César Antonio Molina, que encabeza a candidatura de A Coruña, como “un gran ministro e home de cultura”, e a Elena Espinosa, cabeza de lista por Ourense, como unha política que “reúne as mellores virtudes”.

Aos arredores do Pavillón dos Remedios que acolleu este mitin, Zapatero foi recibido por centos de simpatizantes que non puideron acceder ao recinto por falta de auditorio.

Anuncios