clip_image0021.jpg O candidato ao Senado, Miguel Fidalgo, deu o seu primeiro mitin nesta carreira cara o 9 de marzo en Coles. Alí estivo acompañado do conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e por cargos públicos do Partido Socialista, non só de Coles, senón tamén de Amoeiro e Pereiro de Aguiar.

Fidalgo centrou o seu discurso en comparar o feito polo Partido Popular na nosa provincia en oito anos de Goberno e, o feito polo Goberno de Rodríguez Zapatero en catro anos. O senador ‘in péctore’ afirmou que ten serias dúbidas de que moitas das políticas sociais postas en marcha por Zapatero continúen se o vindeiro 9 de marzo gaña o Partido Popular. “Zapatero pasará á historia de España por ser o presidente que aprobou a Lei da Igualdade, a Lei dos matrimonios homosexuais, a Lei da Dependencia e moitas outras medidas que están a cambiar este país e a mellorar a calidade de vida dos cidadáns. A Lei da Dependencia beneficia xa, na nosa provincia, a 15.000 persoas pero, necesítase máis tempo para que poda beneficiar aínda a máis xente. Os  socialistas sempre nos caracterizamos por ocuparnos dos máis desfavorecidos”.

Méndez Romeu, durante a súa intervención asegurou que “hoxe Galicia é unha rexión diferente e, España un país novo. Durante estes catro anos Zapatero demostrou que se pode gobernar con talante que significa diálogar, escoitar, consenso. O Partido Socialista é o único partido que escoita as ideas, as demandas de todos os colectivos e que logo as ten en consideración á hora de facer políticas. Durante esta lexislatura todos fomos testigos de como, en todo momento, o presidente de todos e todas, o presidente Zapatero, apostou pola cultura do diálogo”.

Anuncios